FERROL360 | Martes 31 maio 2016 | 8:24
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, integrada por nove municipios da contorna, celebrou este luns un pleno extraordinario, o segundo do mes logo do ordinario que tiña lugar o pasado 9 de maio, na Sala de Alcaldes do Pazo Municipal de Ferrol baixo a presidencia do rexedor ferrolán, Jorge Suárez.
Na orde do día, dúas cuestións relacionadas coa xestión de servizos co ánimo e a vontade política de camiñar cara unha xestión mancomunada do lixo que abarate os custes para a veciñanza, mellore a eficiencia e a calidade ambiental, e permita compartir recursos entre concellos na liña necesaria da cooperación entre entidades locais limítrofes.
Na xuntanza, acordouse iniciar os trámites para a contratación dun estudo que sirva como ferramenta de traballo para abordar, con firmeza, as opcións económicas, técnicas e legais e darlle «unha moldura común dentro do puzzle actual no que cada municipio conta coa súa fórmula», segundo informacións do Concello de Ferrol.
Doutra banda, os rexedores abordaron as posibles opcións mancomunadas nas futuras vías de financiamento para o abastecemento de auga e o tratamento das residuais, así como a redacción dos pregos para a xestión da EDAR de Cabo Prioriño e os sistemas colectores-interceptores das marxes Sur-Norte da ría de Ferrol.
Críticas de EU Narón
Dende Esquerda Unida de Narón advirten que «estaremos atentos a que a posible mancomunidade do servizo do lixo non se converta no monopolio dunha empresa para a xestión de dito servizo na nosa comarca», algo que sería, insisten, «moi insán ademais de totalmente contrario ao fin que se di perseguir con esta medida».