MARTA CORRAL | Venres 4 outubro 2013 | 17:35
O movemento internacional de accións feministas, a Marcha Mundial das Mulleres, organiza mañá sábado unhas Xornadas Feministas baixo o nome de Feminismo en Obras. Aberto a mulleres e homes que queiran participar delas.
A Marcha Mundial das Mulleres reúne grupos e organizacións de base que «traballan para eliminar as causas da pobreza e da violencia contra as mulleres». O seu obxectivo é traballar polos cambios políticos, económicos e sociais que acaden a eliminación da desigualdade e discriminación cara as mulleres: «A globalización da solidariedade, a igualdade entre mulleres e homes, entre as propias mulleres e entre os pobos».
Segundo a ONU, máis de 650 millóns de mulleres no mundo son pobres. Dous terzos dos analfabetos mundiais, son mulleres -666 millóns-; dous millóns de mulleres ao ano, son vítimas do abuso sexual ou de comercio de persoas.
As mulleres percibimos soldos máis baixos cós homes e somos as primeiras en ter que deixar o noso traballo para ocuparnos dos fillos ou dos dependentes da casa.
Moitas mulleres no mundo, teñen falla de atención sanitaria durante a xestación; están obrigadas a casar antes da maioría de idade ou non teñen acceso ao crédito.
Xa son 42 as mulleres mortas a mans das súas parellas ou ex parellas en España este ano.
Con semellante panorama, é de agradecer que moitas mulleres e tamén homes, adiquen o seu tempo a seguir loitando polo que é de xustiza, organizando actividades coma a de mañá en Narón.
O programa das Xornadas Feministas
Feminismo en Obras terá lugar no centro de día Manuela Pérez Sequeiros, fronte ao naronés Pazo da Cultura. A entrada é de balde; pero para asistir, é necesario apuntarse aquí.
As portas do centro abren ás 10:00 horas, e a partires das 10:30, comezará a primeira mesa, «Ataques ao feminismo, retroceso ideolóxico», con Belén Puñal e Teresa Moure. Despois dun descanso, ás doce e media, tócalle a quenda á mesa «Situación das mulleres nos servizos, espazos e no consumo», da man de Eva Solla, Ana María Novas e Isabel Vilalba.
Ás 14:30 haberá xantar para os participantes. Terá un prezo de 8 euros e cómpre notificar a asistencia na inscripción das xornadas.
A terceira das mesas leva por título «Saúde e dereitos reprodutivos» e como relatoras figuran Lola Ferreiro e Natalia Domínguez Galán, a partires das 16:30 horas.
Ás seis da tarde, pecha as xornadas a mesa de «Feminismo en obras: alterativas e alianzas» con Carme Adán, Lidia Senra, Chus Boo e Paloma Rodríguez.
¿Cal é o obxectivo das xornadas?
FERROL360 estivo a falar cunha das organizadoras das Xornadas Feministas, integrante da Marcha Mundial das Mulleres, Esperanza Vidal; para facermos unha idea do contido das xornadas máis en profundidade.
Cóntanos que o título é moi simbólico, que pretenden «derrubar o que non serve, deseñar e levantar novos espazos» e seguir construíndo feminismo entre todas, reflexionando e atopando novos camiños: «O Feminismo en Obras significa mirar cara adiante, buscar o que nos une, mirar experiencias doutras mulleres e poñelas en práctica».
Para ela, as mulleres hoxe en día pasan por unha situación moi complicada, que se veu agravando pola política de recortes do Goberno central: «Aforran cartos en gardarías, na dependencia, nos maiores… Que non enganen ás mulleres, que o bo non é quedar na casa para facerse cargo dos dependentes e deixar o posto de traballo».
Co tema do aborto é moi crítica, e ten moi claro o que suporá para as mulleres españolas a aprobación da nova lei: «Volver a hai corenta anos, a ter que volver a loitar por ese dereito. Suporá un perigo de morte para as mulleres, un perigo inminente. Haberá moitas que por cartos non poderán facelo fóra, en boas condicións, as rapazas novas non llo dirán aos seus pais e o farán pola súa conta. Lembro que incluso naquela época anterior, se practicaban os abortos nos pisos dos estudantes. Non se pode volver a iso. Temos que ter un aborto para todas, é un dereito e ten que ser seguro e libre».
Preguntámoslle tamén por algúns dos mitos do feminismo, como que é ‘o machismo pero ao revés’. No feminismo non se busca a superioridade nin se emprega a violencia: «O integramos moitos tipos de mulleres, con diferentes xeitos de pensar, pero de tódalas maneiras, non ten que ver. O feminismo é paz e igualdade».
Esperanza Vidal destacou que as xornadas de mañá queren ser formativas e están abertas tanto para homes como para mulleres; xa que elas procuran un espazo «común e igualitario».
Debate sobre el post