FERROL360| Sábado 8 de marzo de 2025 | 10:25
A Marcha Mundial das Mulleres da comarca de Ferrol, con motivo do 8 de Marzo, convoca unha manifestación con saída ás 20 horas da Praza Amada García de Ferrol. Após percorrer varias rúas do centro da cidade, a mobilización rematará na praza de Armas coa lectura dun manifesto.
Neste 8 de marzo a Marcha anima as mulleres a saíren á rúa para pór de relevo oito demandas urxentes: valoración xusta dos traballos feminizados, servizos públicos de coidados, acceso a unha vivenda digna, control dos prezos dos produtos de alimentación e servizos básicos, saúde e educación públicas e de calidade e con perspectiva feminista, extensión e recuperación dos Centros de Información ás Mulleres, derogación da lei de extranxeiría e apoio ás mulleres migrantes, políticas que fagan compatíbel o desenvolvemento económico e o benestar social co coidado da natureza.
Baixo o lema EN MARCHA PARA TRANSFORMAR A VIDA DAS MULLERES, desenvolveranse máis de 20 mobilizacións feministas en todo o país, nun ano en que as mulleres denuncian as discriminacións que continúan marcando as súas vidas, nunha sociedade en que aínda non teñen as mesmas oportunidades polo mero feito de ser mulleres.