REBECA COLLADO | Ferrol | Xoves 11 xullo 2014 | 15:00
Hai caralladas pequenas, grandes, regadas con viño, amenizadas por orquestras, de campeiro e mesmo de discoteca. En Galicia non nos faltan as caralladas de calquera tipo, xa sexan de mañá, tarde ou noite. Pero en Mugardos celebran estes días a caralla con maiúsculas. Esa na que compartes risas, competición, cachondeo e bo roio con un montón de xente. Falamos das VI Olimpíadas de Peñas de Mugardos que se celebran ata o 18 de xullo.
Se hai algún despistado por aí que non sabe de que vai o tema que preste atención. As Olimpíadas de Peñas «son unha mestura entre xogos tradicionais e xogos que nós inventamos para que sexan tradicionais dentro de cen anos», explica César Pena, membro da Comisión de Caralladas Mugardesas.
Lanzamento de Rizón, Pesca de Munxe Radiactivo, Búsqueda de Tesouro, Tunning de Carretillas, Campionato de Chinchimoni e Carreira de Ovos son algunhas das probas nas que participan as doce Peñas que compiten este ano. César salienta que o número de Peñas reduciuse no 2014, pero non así o número de participantes.
E é que as Peñas cada vez son máis grandes porque a xente que quere participar de xeito regular nas Olimpíadas se está concentrando naquelas que son máis activas. Tamén incrementouse o número de competidores con idades por debaixo dos 20 anos. A clave para conquerir este cambio é que as probas foron evolucionando dando paso a actividades nas que o enxeño e a habilidade son os eixos das competicións e non tanto a forza.
«Empezamos a retirar do calendario probas de forza e comezamos a meter probas de habilidade. Por exemplo: retirar o tiro de corda e introducir o xogo da ra, que é lanzar fichas e tratar de meterllas a unha ra na boca. E ten moitísimo éxito tanto entre os maiores coma nos pequenos», afirman desde a Comisión.
De feito, César comenta que os pequerrechos de Mugardos participan activamente nas Olimpíadas. «Rompemos un pouco o tabú da competición e xogan nenos de dez anos contra homes de 55. Compiten entre eles por unha medalla. É máis, xa se viron finais coma a proba de canicas dun neno de doce anos contra un señor de 55. Gañou o señor de 55, pero ao rapaz deulle igual porque chegou á final e os demais non».
A diferencia doutras actividades e xogos tradicionais, nos que normalmente os maiores ensinan aos pequenos como xogar, nas Olimpíadas de Peñas de Mugardos compiten en igualdade uns cos outros, e ás veces tamén gañan os nenos. «Equilibrar as probas da pé a quendas xeniais», recoñece César que nos comenta outra anécdota simpática.
«Houbo unha final de brilé hai tres ou catros anos, que foi apoteósica. Quedaba só un neno de nove anos contra tres homes de 30. E gañou o neno de nove anos, foi incrible. Foi un día épico, que pasou á historia das Olimpíadas», lembra.
Precisamente o feito de que os rapaces poidan participar en igualdade de condicións está a provocar que se formen Peñas de chavales de entre 16 e 18 anos. «A media de idade está empezando a baixar, pero non porque marchen os maiores, senón porque están empezando a entrar os nenos. E tamén entran na organización. Eles están emocionadísimos e tiran do carro», explica César. Deste xeito o relevo xeracional, tan importante nas organizacións, está garantido.
Novidades nas probas
A Comisión de Caralladas Mugardesas sempre anda a argallar cousas novas para darlle máis vistosidade ás probas e mellorar as Olimpíadas. Así, este ano fusionaron as probas de Tunnig e Subida de Carretillas. «Pareceunos que sería boa idea que esa estampa da xente correndo coa carretilla tivese máis chicha», di César. Así que decidiron que ademais de tuneala había que correr con ela porque «perdía un pouco de sentido ensinala tuneada e xa está».
César apunta que «o día das carretillas é un día con bastante chicha porque á xente lle gusta ver o que fixeron as Peñas. Ata o de agora facíamos o tunning de carretillas e as poñíamos moi bonitas, pero logo corríamos todos cunha carretilla estándar, que leva dentro un pouco de agua para que ademais de correr teñas que guiala e non deixar caela».
Como este ano ambas probas fusionáronse, desde a Comisión introduciron unha bonificación para as tres mellores carretillas tuneadas. Así que o importante agora é construír unha carretilla fermosa e ademais que sexa lixeira para poder gañar a carreira. Deste xeito, se poden gañar as dúas probas xuntas.
Precisamente este xoves celébranse ambas probas. Así, ás 19:30 horas na zona da Igrexa poderemos ver as carretillas tuneadas e media hora máis tarde, ás 20:00 horas, arrancará a carreira de Subida de Carretillas. Xa na noite deste venres terá lugar a última proba das Olimpíadas co Campionato de Chinchimoni, ás 21:00 horas fronte El Malecón, que dará paso á Cerimonio de Clausura desta VI edición das Olimpíadas.
Premios e financiamento
Desde hai tres anos os premios que se acadan en cada proba son medallas, coma nunhas Olimpíadas. Así hai medallas de ouro, prata e bronce e hai un medalleiro que a lo longo de toda a semana de probas vai flutuando na clasificación.
En canto ao financiamento, César déixao moi claro, «non temos un peso porque non pedimos subvencións». Explica que os cartos que se gastan en facer os carteis se sacan da primeira e última proba das Olimpíadas, que son o Campionato de Dados e o Campionato de Chinchimoni, «lles pedimos un euro a cada participante. Como hai cento e pico en cada unha delas, xa nos da para todos os gastos de material, etc».
Orixe
O xerme desta actividade remóntase ao ano 2007 coa elaboración do programa da Festa da Dorna. Un programa que «facía moita gracia, tanto por como se enfocaba, porque a redacción se a les xa che partes de risa, e porque cada semana se facían probas», comenta César. Ademais, no ano 2008 a comisión de festas de Mugardos anunciou que era o último ano que as organizaba.
Ante esta situación, un grupo de persoas dixeron «tiñamos que facer unha comisión, pero tiña que ser unha comisión de caralladas». E é que eles tiñan claro que non querían que lles pasara o que normalmente acontece coas comisión de festas: «que son cinco persoas que cargan con todo o peso e acaban queimadas». Por iso apostaron porque as propias Peñas, entre todas, organizaran a festa. «Iso ten que ser a clave», apunta César.
Desde o calendario das primeiras Olimpíadas ata o de hoxe houbo moitos cambios, «con ideas máis tradicionais e ideas máis bizarras. Pero a liña xeral é o ton cachondo e tradicional», indican desde a organización.
Debate sobre el post