FERROL360 | Mércores 28 agosto 2013 | 15:49
A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou este mércores que o idioma galego é «o grande ausente do Pantín Classic», que celebra desde este martes e ata o vindeiro domingo a súa edición número 26. Segundo esta plataforma, incórrese nesta práctica «a pesar dos apoios públicos que recibe» e dun «malestar no ámbito do surf galego» que din ter detectado ao respecto.
Concretamente, o colectivo sostén que «na locución por megafonía, na páxina web e na información xeral da revista que se reparte sobre o evento deportivo o galego non existe».
Ao seu xuízo, «a obsesión por amosar o castelán como a lingua propia chega ao esperpento» ao publicarse senllos saúdos institucionais do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, «en castelán, vulnerando a normativa de promoción do galego das institucións públicas que representan».
Asimesmo, aseguran ser coñecedores da «existencia de malestar no ámbito do surf galego por esta exclusión». Na súa opinión, «o galego debería estar presente nun evento como este, que ten unha grande visibilidade e no que podería ser unha importante oportunidade para dotar ao Pantín Classic dun perfil propio e diferenciado».
Debate sobre el post