FERROL360 | Mércores 25 setembro 2013 | 16:44
O ciclo musical Noites na Capela despide o mes de setembro acollendo no tradicional escenario da capela do Centro Torrente Ballester a actuación do ferrolán Marcos Mella.
Xogando en casa e presumindo de último traballo, La canción del bolsillo roto é un álbum gravado no verán de 2012 nos estudios Aboriginal Records de Cedeira, que recolle cinco temas compostos polo propio autor. Acompáñano os músicos Fran Rey (teclados e acordeón), Fernando Couce (batería), José Luis Cuba (bajo), Manu Clavijo (violín), Álvaro Lamas (steel guitar), Juan Cabe (guitarras) e Yago Rodríguez (coros).
O seu novo disco inclúe tamén o ‘bonustrack’ El futuro nace hoy, interpretado por diversos artistas como Javier Ojeda (Danza Invisible), Joaquín Padilla (Iguana Tango) ou Pablo Perea (La Trampa). Ademais, Mella contou coa colaboración especial da gaiteira Cristina Pato, entre outros, co fin de recadar fondos para a ONG Lena de Narón.
Apoiado nos novos métodos para facer música, o artista contou co respaldo dalgúns mecenas que mercaron o seu traballo antes de ser publicado para axudalo a sacar adiante o seu proxecto musical. Deste xeito, os locais que colaboraron obteñen o permiso de distribución do disco que tamén se pode adquirir no Facebook do autor e nos seus concertos.
Son quince os temas que compoñen o repertorio dos directos de Marcos Mella, que xa leva actuado por auditorios da comarca coma o Pazo da Cultura, o Jofre ou o Teatro da Beneficencia de Ortigueira. Neste caso, a actuación do Torrente dará comezo ás 21:00 horas. As entradas, á venda no despacho do teatro Jofre ou na páxina web do Concello de Ferrol, custan 3 euros.
Vindeiras Noites na Capela
O mes de outubro vén cargadiño de actuacións da man de Silvia Penide, Voadora Teatro ou Balakandra, entre outros.
Debate sobre el post