FERROL360 | Xoves 15 de maio de 2025 | 9:35
A plataforma Queremos Galego en Ferrolterra celebrou onte un plenario para presentar o proceso Lingua Vital e preparar a Manifestación pola Lingua, que terá lugar o vindeiro 17 de maio en Santiago, tamén animou a toda a sociedade galega a participar nesta mobilización.
No encontro, ao que asistiu o presidente da Mesa e voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, xunto con Francisco Gil e Pepe Cunha, portavoces na nosa comarca, destacou que a marcha deste sábado será unha homenaxe massiva á lingua e á cultura popular que se manteñen vivas na voz das cantareiras, resistindo a calquera intento de apagala.
Queremos Galego fixo un chamamento ás agrupacións, asociacións e colectivos da música galega a sumarse á foliada pola lingua e fixo un convite ás persoas participantes na manifestación a traer as súas pandeiretas. A música de Lingua Vital xa! volverá a encher as rúas de Compostela, en resposta aos enganos e mentiras da Xunta, que pretenden manter a exclusión do galego e desmantelar a súa oficialidade. Para facilitar o desprazamento, a plataforma ofrecerá un servizo de autobús, con prezo de 5 euros, que partirá de Ferrol ás 10:00 horas dende o Esteiro (local da CIG), con paradas en Caranza, Fene e Vilar do Colo. As persoas interesadas poden reservar praza nos teléfonos 981 358 750 / 981 364 058 ou nos correos ferrolterra@bng.gal e ferrol@galizacig.gal.
Ademais de divulgar a convocatoria da manifestación e da foliada polo idioma, o plenario no antigo Hospicio de Ferrol foi o punto de saída do proceso Lingua Vital, unha iniciativa social, plural e participativa cuxo obxectivo é avaliar o cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e dos acordos nacionais e internacionais en favor do galego, así como identificar obstáculos e concretar as medidas necesarias para garantir a súa eficacia.
Este proceso aberto e participativo busca que tanto institucións como organizacións da sociedade asumisen a súa responsabilidade na defensa do noso idioma. Ese foi o compromiso recollido na Declaración Unitaria pola Lingua, presentada o 17 de novembro, e ratificado na histórica mobilización do 23 de febreiro, que enmárcase nesta convocatoria do 17 de maio.