Publicidad

A Revolta leva o primeiro premio dun Entroido que encheu Narón de festa

FERROL360 | Domingo 27 febreiro 2022 | 11:09

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, entregou na tarde deste sábado o primeiro premio do Festival de Comparsas celebrado na pista deportiva da Solaina á Revolta, de Ferrol. Dúas agrupacións naronesas, Os Parrandolos e Os Argalleiros, obtiveron o segundo e o terceiro premio.

Foron moitas as persoas que se achegaron xa ás 17:00 horas a praza da Gándara, onde se concentraron as agrupacións antes de saír amenizando as rúas ao seu paso. No percorrido participaron as seis comparsas que se inscribiron no festival: Os Parrandolos, Os Argalleiros e Semente de Trasancos, A Revolta de Trasancos, Os Colludos e As Xoaniñas do Chao.

Percorreron as rúas Vigo, Concepción Arenal, Wenceslao Fernández Flórez, Trincheira, a Ponte das Cabras, un tramo da estrada de Castela, o cruce da Ferrolana, a estrada de Santa Icía e a rúa da Solaina. Alí comezou sobre as 18:15 horas o festival, con orixinais disfraces e satíricas letras nas que os políticos locais, o centro de saúde, infraestruturas locais e outros temas centraron as coplas.

Como agasallo, as tres comparsas con maior puntuación recibiron unha figura en recordo do Día do Entroido. Baixo a carpa instalouse tamén o Punto Violeta de Narón, onde as persoas que se achegaron tiveron información e material contra a violencia de xénero.