FERROL360 | Venres 13 novembro 2015 | 10:39
Moito ollo o vindeiro sábado 21 de novembro se ides ou sodes de Sillobre, e é que a Santa Compaña percorrerá a parroquia nunha andaina nocturna á que se poden sumar os máis valentes e parrandeiros.
As persoas interesadas en participar deben anotarse antes do vindeiro xoves 19 de novembro no local de Agarimo, no teléfono 981.340.694 ou a través do enderezo electrónico: agarimosillobre@gmail.com.
A andaina partirá do local social de Agarimo ás 20.30 horas e os participantes deberán levar lanterna e roupa reflectante e os menores deberán vir acompañados dalgún adulto. Ademais, en caso de choiva, realizarase un roteiro alternativo.
Os camiñantes, acompañados pola Santa Compaña, percorrerán a rúa Mestre Lois R. Calvo, subirán polo Camiño do Picoto ata a Pallota e, dende alí, dirixiranse cara o camiño antigo que vai ao cortalumes en dirección a Marraxón.
Seguidamente, subirán ao Coto do Rei e baixarán polo camiño vello que sae a Buio para dirixirse, finalmente, ao adro parroquial de Sillobre, onde rematará a andaina.
Será un percorrido de aproximadamente 6 quilómetros e de dificultade baixa. Durará en torno ás dúas horas e media. Organizan a Concellería de Cultura e Ensino de Fene e a SCRD Agarimo de Sillobre.
Debate sobre el post