Publicidad

A SGHN alerta de que a primavera non é un bo momento para facer limpezas masivas nas praias

REBECA COLLADO | Ferrol | Mércores 3 xuño 2015 | 11:09

Desde a delegación da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol non recomendan realizar limpezas masivas nas praias durante a época da primavera. A entidade ten coñecemento de que se están a programar limpezas para esta fin de semana con motivo da celebración do Día dos Océanos o 8 de xuño e alerta de que «se pode causar un estrago intentando facer algo bo».

Paula Gasalla, da SGHN de Ferrol, explica que nesta época do ano están en pleno período reprodutor plantas e pequenos animais, como a píllara das dunas, e a presenza de grupos numerosos de persoas non expertas poden comprometer o éxito reprodutivo destas especies.

«Pedimos que respeten a flora e fauna dunha zona protexida, porque as nosas praias son zonas protexidas polo LIC», indica Gasalla, que engade que «a píllara das dunas é un paxaro que está en perigo de extinción, agora está en plena época de posta, e se ve xente non vai anidar».

Neste senso, Paula Gasalla sinala que desde a SGHN apoian todas as iniciativas de concienciación que non comprometan a reprodución de especies. Por iso recalca que «agora non é un bo momento para facer limpezas masivas nas praias, nin que a xente vaia polas dunas».

Algunas recomendacións para os meses entre marzo e xullo son non frecuentar a zona alta da praia e as dunas polo perigo de destrución involuntaria de pequenos organismos e niños de píllara; non remover residuos na zona mencionada e non eliminar argazos e materia orgánica de arribada, xa que son alimento para moitas especies.