Publicidad

A Sociedade Amigos da Paisaxe Galega celebra as XXVI Xornadas de Teatro Afeccionado no Seixo

FERROL360 | Xoves 3 decembro 2015 | 11:14

A Sociedade Amigos da Paisaxe Galega organiza as XXVI Xornadas de Teatro Afeccionado no Seixo os días 5, 6, 7 e 8 de decembro. Unhas xornadas onde participarán as compañías de teatro A Mámoa Teatro, Perez Parallé, Ghazáfelhos, e A Pombiña. As función comezarán ás 20:00 horas excepto o luns 7 que comezará ás 21:00 horas.

Desde a entidade destacan que «as xornadas de teatro vense celebrando no Seixo trala teima e traballo que dende hai anos viñera realizando Manolo Basoa». Unha persoa que definen como «home emprendedor e amante da cultura, que tras o seu retiro dedicara a súa vida ao teatro e á interpretación».

Basoa foi o máximo impulsor da creación e dirección da compañía de teatro Teruca Bouza, así como das Xornadas de Teatro Afeccionado no Seixo. Unhas xornadas, que «veñen realizándose todos os anos grazas ao traballo da directiva da sociedade e a aqueles primeiros anos de traballo altruísta a cargo de Manolo Basoa para co teatro».

Esta cita co teatro sempre ten unha gran afluencia de público de todo Ferrolterra. A entrada será de balde.