FERROL360 | Venres 26 agosto 2016 | 11:10
Postos de alimentación ecolóxica, paseos en kaiac, exhibicións de cetraría e obradoiros de cociña, son algúns dos atractivos da VIII edición da Feira Rural de San Sadurniño, que se celebrará este sábado ao pé do Xubia. Un evento que mistura a filosofía das feiras tradicionais coa promoción de experiencias que apostan pola sustentabilidade.
O principal protagonista da Feira Rural volverá ser o mercado cun total de 130 postos de produtos frescos, alimentos transformados, viveiros de planta e flor, artesanía e artigos de segunda man, distribuídos polo arboredo de especies autóctonas da Cortiña.
A novidade deste edición é a participación de 22 postos de explotacións certificadas polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, que ofrecerán degustacións dos seus produtos durante toda a xornada.
Pero a programación para esta xornada tamén comprende múltiples actividades paralelas, como a tradicional copa de agility canino, dúas exhibicións de cetraría, paseos en kaiac polo Xubia todo o día, obradoiros de cociña creativa para os peques, xogos con trebellos solares, un taller de circo, visitas guiadas ao colmear de AGA-Ferrolterra e á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, entre outras.
Concurso da Froita Autóctona
A Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume e o Concello de San Sadurniño convocan o Concurso da Froita Autóctona. Para participar no certame habilitarase unha mesa de inscrición, o propio día da feira, entre as 10:30 e as 11:00 horas. O fallo darase a coñecer ás 13:30 horas e media hora más tarde entregaranse os premios.
O gañador recibirá un cesto de produtos valorado en 100 euros. O segundo tamén obterá un cesto de produtos valorado en 75 euros e o terceiro un cesto de produtos valorado en 50 euros. Todos os participantes recibirán como agasallo uunha froiteira autóctona.
Programación
A apertura da feira e expositores será ás 10:00 horas con postos de agroalimentación, artesanía, viveiros e productos de segunda. Haberá degustación permanente nos postos de produtos ecolóxicos certifidados polo CRAEGA, que se colocarán no sendeiro central do arboredo, xusto ao carón da carpa principal.
De 11:00 a 13:30 horas terá lugar a IV Copa Agility Concello de San Sadurniño e tamén ás 11:00 horas terá lugar a primeira actividade de baixada en kaiac polo Río Xubia, que se prolongará ata as 14:30 horas. Repetirase de 15:30 a 19:00 horas.
Tamén ás 11:00 horas darán comezo os obradoiros de inxenios solares, de chapas, de circo, de xogos xigantes, de montaxe de dinos xigantes e o da Casa do mel de Goente. Serán ata as 19:30 horas, a excepción do da Casa do mel de Goente, que se celebrará ata ás 19:00 horas.
Xa ás 11:30 horas comezará a primeira visita guiada á horta de froiteiras autóctonas, que se repetirá ás 17:00 horas. Os interesados en participar deben inscribirse no posto do Concello. E ás 12:00 horas e ás 18:00 horas terá lugar unha exhibición de cetraría.
Os obradoiros de cociña creativa para nenos e nenas desenvolverase de 12:00 a 13:30 horas e haberá unha nova sesión de 16:30 a 18:00 horas. O de cata de viño e sidra da C.F.E.A. de Guísamo con queixo O Casal será ás 12:30 horas, ao igual ca primeira visita guiada ao Colmear didáctico, que se repetirá ás 18:00 horas. As inscrición para a visita realizaranse no posto do Concello.
Xa ás 14:15 horas celebrarase un sorteo de cestos con produtos do país e ás 19:15 horas un segundo sorteo de produtos e lotes de froita autóctona. Serán na carpa principal. Ademais, a feira contará cun espazo para xantar por un prezo módico e a clausura está prevista para ás 19:30 horas.
Exposicións permanentes
A VIII Feira Rural de San Sadurniño tamén contará con exposicións permanentes de apicultura a cargo da Asociación A.G.A. de Ferrolterra; de froita autóctona da Asociación A.G.F.A. do Eume; de cociñas e trebellos solares da Asociación Os Picos do Sol; do Club de raza Can de Palleiro e de Aves rapaces.
No expositor do Concello os interesados poderán realizar ás inscricións para as visitas guiadas ó apiario e á horta de froiteiras, así como para participar nas baixadas en kaiac no e obradoiro de cociña creativa. Tamén haberá información turística do municipio e alí se recollerán os tickets para a cata de viño, sidra e queixo.
II Sons na Cortiña
Ao día seguinte da Feira Rural, San Sadurniño acollerá o festival II Sons na Cortiña cunha oferta dirixida a público familiar e xuvenil. A cita comezará ás 14:00 horas e prolongarase case ata a medianoite con obradoiros, concertos e zona de food-trucks.
Debate sobre el post