FERROL360 | Sábado 2 abril 2016 | 17:46
O Padroado de Cultura do Concello de Narón e a Asociación de Veciños Célibe de San Xiao organizan a oitava edición da Mostra de Teatro Amador, que bota a andar este domingo.
Será no local social da parroquia naronesa -Lugar de A Igrexa, s/n-, e alí representarase a obra 2021. Unha odisea na Terra, escrita e dirixida polo naronés José Prieto e na que actuarán alumnos da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón. A peza, dirixida ao público familiar e infantil, comezará ás 19:00 horas.
A programación da VIII Mostra de Teatro Amador continuará o día 10 coa obra A pastilla milagrosa, escrita e dirixida por Bety Couce e interpretada polo Grupo de Teatro da Pombiña de Pedroso. O domingo 17 será o turno do grupo Oquetiqueiras, que porá en escea Selfie, indicada para maiores de 12 anos.
Por último, o domingo 24 o alumnado da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón pecharán a mostra coa obra Non sempre chega o bus, na parroquia de San Xiao será o de abril.
A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, destacou o traballo de todos os grupos teatrais e animou aos veciños a acudir a unhas representacións que, subliñou, «supoñen unha boa oportunidade para achegar o teatro á veciñanza», con obras dirixidas a públicos de diferentes idades.