[one_fourth_last]
FERROL360 | Martes 18 novembro 2014 | 19:23
A Federación Galega de Bandas de Música Populares celebrou a pasada fin de semana, no Auditorio de Galicia en Santiago, o VIII Certame Galego de Bandas de Música. Por terceira vez, a Xove Banda de Narón participou nesta cita que pretende potenciar a actividade das agrupacións musicais galegas.
Na tarde do sábado comezaba o certame que reuniu un total de once bandas, clasificadas en función do número de membros. Deste xeito, na terceira sección, -con ata 50 músicos-, competiron as agrupacións de Cabral, Silleda, Rianxo, A Lira de Ribadavia e Solfa.
O domingo tiveron lugar as actuacións das bandas de entre 51 e 70 músicos e de máis de 71, seccións segunda e primeira, respectivamente. A Xove Banda de Narón, -segunda sección- actuou xunto a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo e a Banda de Música Municipal de Agolada.
Dirixidos por Francisco San Ramón Calvo, os músicos naroneses interpretaron durante corenta exactos minutos o pasodobre Narón, Terra de Trasancos, de Miguel Brotóns, a obra libre Solemnitas, de Franco Cesarini e a peza obrigada Aires do Norte, de Jaime Ismael Enguídanos.
A decisión do xurado fíxose esperar e ata case entrada a media noite non se coñeceu o veredicto que proclamou vencedora da sección intermedia, con 318 puntos, á Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Un total de 299 puntos foron parar á Xove Banda de Narón, terceira clasificada por detrás da agrupación musical de Agolada.
Como peche, na sección primeira actuaron a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis e a Banda de Música Cultural de Teo. Esta última, gañadora absoluta da oitava edición deste certame.

Debate sobre el post