FERROL360| Luns 2 febreiro 2015 | 17:31
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou este luns a lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, e anunciou que o Plan de conservación da lagoa será aprobado nos vindeiros días polo Consello da Xunta. Vázquez realizou esta visita co gallo da conmemoración do Día Mundial dos Humedais.
O Plan de conservación da lagoa da Frouxeira é un documento necesario para garantir a protección deste humedal, un dos cinco protexidos de Galicia. Cabe lembrar que esta lagoa está formada pola lagoa litoral da Frouxeira e por un sistema dunar en moi bo estado de conservación. Así, Vázquez explicou que será o primeiro documento para un humidal protexido que se aprobe en Galicia.
Este documento de planificación establece un protocolo de actuación para evitar a ruptura violenta da barreira natural da lagoa, coa apertura dunha canle temporal que reproduce a canle natural de desaugue e que minimiza o risco de afección neste espazo, nos seus hábitats e nas persoas.
O obxectivo do texto é dotar o humedal dunha ferramenta de planificación axeitada dos seus recursos naturais, que recolla normas de uso e de aproveitamento do que constitúe un espazo protexido único na comunidade. Precisamente, a importancia desta contorna radica na presenza de hábitats naturais de especial relevancia e no número de especies de flora e fauna protexidas.
Debate sobre el post