FERROL360 | Xoves 1 setembro 2016 | 14:39
A Xunta convoca aos titulares dos terreos afectados polas obras de mellora do trazado da estrada Fene-Mugardos -AC-133-, en Fonte Grande, para o pago das expropiacións. Os propietarios dos terreos deberán acudir ao Concello de Mugardos o próximo 13 de setembro, en horario de 9:00 a 10:00 horas.
O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, financia este proxecto mediante a achega dun investimento de máis de 220.000 euros. Estas actuacións teñen como obxecto a mellora da estrada autonómica AC-133, entre os puntos quilométricos 9+600 e 10+000, no concello de Mugardos.
Neste treito da infraestrutura localízanse dúas curvas de raio reducido, que se eliminarán executando un trazado alternativo máis cómodo e seguro. Ademais, prevese a optimización de dúas interseccións existentes, nas cales se habilitará unha semiglorieta que permitirá os xiros e o cambio de sentido en condicións máis seguras.
A primeira é a situada no p.q. 9+600, cruzamento coa estrada DP-3504, na cal se disporá un central de espera, para o que será necesario ampliar a plataforma da estrada neste punto; e a segunda é o cruzamento coa vía municipal coñecido como rúa Peneda.
Coa realización deste proxecto preténdese, por unha parte, aumentar a comodidade da circulación ao ampliar o raio das curvas, e ademais incrementar a seguridade e facilitar os xiros en condicións máis seguras, reordenando as interseccións existentes no tramo.