Publicidad

A Xunta converterá a fachada de Ferrol no taboleiro xigante do concurso Big Ciencia

FERROL360 | Luns 13 abril 2015 | 20:00

O vindeiro venres 24 de abril a fachada do edificio da Fundación Caixa Galicia, na Praza da Constitución, converterase nun taboleiro de xogo do concurso Big Ciencia. Unha actividade para todos os públicos, amena e divertida coa que a Axencia Galega de Innovación quere achegar a innovación á cidadanía.

Este concurso é coñecido por converter as fachadas de emblemáticos edificios en xigantescos taboleiros ao combinar o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato. A cita será a partires das 21:30 horas e poderán participar todos os veciños que se animen a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente.

O feito de proxectar as preguntas e respostas sobre as fachadas de edificios é o que fai que este orixinal evento resulte espectacular, convertendo cada acción en única. Isto será posible grazas ao uso da proxección arquitectónica de gran formato, unha técnica ata o momento reservada a actividades de carácter artístico.

A mecánica do Big Ciencia é moi sinxela co obxectivo de facela accesible para todos os públicos, independentemente do seu nivel de coñecementos e idade. O concurso botará a andar no momento no que dúas persoas se sitúen ante os pulsadores e a xigantesca pantalla.

As preguntas serán tipo test e os participantes deberán elixir a resposta correcta de entre catro posibles, contando coa axuda dos espectadores para facelo. Este comodín do público fomentará a participación de todos os asistentes ao concurso, que como quedou demostrado nas citas anteriores engancha desde un principio dada a súa axilidade.

Publicidad

banner parque ferrol