FERROL360 | Xoves 7 novembro 2013 | 18:01
A delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, acompañaba este xoves ao presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Manuel Vilariño, ás inmediacións do cabo Ortegal, no concello de Cariño.
A finalidade da visita era supervisar as obras executadas nas proximidades do faro situado neste enclave. Os traballos que se están a levar a cabo para recuperar a senda peonil e os acesos a esta zona están xa na súa recta final. O proxecto, que contou cun investimento de 500.000 euros por parte do ente portuario, contempla un sendeiro que bordeará o litoral. Ademais, estase a habilitar un acceso rodado ata o faro e unha zona de aparcamento.
Do Campo, que agradeceu a colaboración da Autoridade Portuaria co Goberno galego, sinalou que o cabo Ortegal «representa moi ben os obxectivos da Xunta de Galicia na promoción turística, pois móstranos un destino onde a preservación ambiental, territorial, paisaxística e patrimonial está moi presente, converténdose nun elemento distintivo».
Ruta dos faros
A delegada territorial aproveitou a visita a Cariño para facer balance do funcionamento da Ruta dos Faros.
Esta iniciativa, enmarcada nun convenio entre a Xunta e Renfe, púxose en marcha no mes de xuño e permite coñecer paisaxes como a Illa de San Vicente, os cabos de Estaca de Bares e Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira ou a praia das Catedrais.
Ao longo do verán, foron 415 os viaxeiros que viviron a experiencia de coñecer varios lugares distintos cunha ruta que combina o transporte ferroviario con excursións en microbuses.
Debate sobre el post