FERROL360 | Xoves 13 novembro 2014 | 14:04
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia os traballos para a apertura da canle de desaugue da lagoa da Frouxeira en Valdoviño co obxectivo de previr o desbordamento da mesma e as consecuencias negativas do desaugue incontrolado sobre o sistema dunar.
Técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza levan semanas realizando controis sobre o comportamento do humidal tomando os datos de cota, mareas, evolución da barreira dunar ou caudais co obxecto de previr situacións adversas. Con eses datos, a Consellería conclúe que é necesaria unha intervención de cara a unha execución controlada das actuacións.
Unha vez que se ten constancia de que se acadou o nivel de alerta, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza pon en marcha un protocolo de actuación coa redacción dun proxecto de apertura tendo en conta os condicionantes meteorolóxicos, hidroxeolóxicos e biolóxicos, así como a súa previsible evolución.
Posteriormente, solicita autorización ao organismo competente en materia de Costas, comunicando ao Concello a dita solicitude. Así, a Consellería, en colaboración co resto de administracións e de acordo co proxecto redactado, procederá á apertura dunha canle de desaugadoiro que reproduza na medida do posible as condicións naturais de desaugue.
Para o inicio dos traballos tivéronse en conta varias premisas, como a identificación e balizamento do camiño de acceso da maquinaria, polo que os vehículos e maquinaria achegaranse á praia polos camiños xa existentes, evitando a circulación sobre sistemas dunares con vexetación.
Tamén se prohíbe calquera actividade recreativa, incluída a pesca deportiva, na lagoa e medio mariño da contorna da zona de actuación. Ademais, realizarase un control do uso público para evitar a circulación das persoas e sinalización da zona de actuación conforme ao plan de seguridade e saúde no traballo.
Debate sobre el post