FERROL360 | Mércores 6 decembro 2017 | 20:23
A Xunta de Galicia mantén aberto o prazo para inscribirse no Encontro de xuventude transfronteiriza emprendedora, proxecto Lidera Emotraxe. Trátase dun espazo de aprendizaxe para que a xuventude poida compartir experiencias e emocións á vez que amosan publicamente as súas vivencias de participación, compromiso social e de emprendemento. O prazo finaliza o domingo.
O encontro, que se celebrará en Ferrol o sábado 16 de decembro, en horario de 10.00 a 18.00 horas, estará aberto a emprendedores, membros de asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude, persoas participantes en actividades de voluntariado, membros de grupos informais, técnicos de xuventude, informadores xuvenís, educadores e mediadores xuvenís.
Emotraxe facilitará a cada entidade xuvenil que o desexe un espazo para a exposición de ideas, actividades e proxectos, con zona de stands dos diferentes colectivos participantes. Así mesmo, a organización farase cargo dos traslados necesarios das persoas que se inscriban, poñendo á súa disposición distintas liñas de transporte, sempre que haxa unha cota mínima de participantes para cada liña.
Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo (LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V a España Portugal 2014-2020 (POCTEP), cun orzamento de 1,4 millóns de euros e unha duración de catro anos. O obxectivo é promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio.
Este encontro forma parte da actividade ‘Emprende’ dirixida a aquelas iniciativas, ideas, entidades que desexen iniciar unha nova liña de negocio, que conten cun grao de madurez suficiente co obxectivo de apoialas, afianzalas e acompañalas durante a súa posta en marcha. Neste encontro os mozos e mozas poderán coñecer e intercambiar experiencias con outras persoas mozas, tanto do propio territorio do proxecto como doutros territorios transfronteirizos.
Ademais da Xunta de Galicia, son socios do proxecto a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.