FERROL360 | Sábado 12 setembro 2015 | 10:50
O Concello de Cabanas ten aberto o prazo de inscrición das actividades deportivas e culturais para o vindeiro curso, que rematará o venres día 18 de setembro. As clases darán comezo a partir do xoves 1 de outubro para as actividades dos pequenos, mentres que no caso dos adultos as clases comezarán a partir do xoves 15 de outubro.
As fichas de inscrición, información xeral, follas de domiciliación e horarios, pódense recoller no Departamento de Cultura e Deportes do Concello ou ben descargalas aquí. Para a realización das actividades deberá existir un número mínimo de participantes, que dependerá do tipo de actividade e a ratio máxima estimada.
As actividades que se ofertan para os máis pequenos son as seguintes: manualidades, inglés, psicomotricidade, predeporte, multideporte, baile moderno, judo, patinaxe, fútbol sala (a partir dos 14 anos), deportes nas instalacións da Veiga, atletismo e piragüismo.
Realizaranse en Porto, no soto do CEIP Eladia Mariño e no pavillón, agás a actividade de deportes na Veiga, que levarase a cabo nas instalacións da Veiga, e música, que as clases impartiranse no antigo Concello.
Con respecto a música, ofértanse as seguintes actividades: iniciación á música (para nenos entre 3 e 6 anos); e, a partir dos 7 anos: linguaxe musical e harmonía; coro; guitarra; piano e violonchelo. As actividades que se ofertan para os adultos son as seguintes: corte e confección, bolillos, pintura, inglés, aeróbic, bailes de salón, ioga, pádel, pilates, tai chi, tenis, ximnasia terapéutica e zumba.
Para máis información pódese chamar ao teléfono 981 495 959, extensión 3 ou escribir un correo electrónico a: cultura@cabanas.es.