Publicidad

Aberto o prazo de inscrición na actividade ‘Contos do Brasil’, que terá lugar o 1 de agosto en Narón

FERROL360 | Martes 26 xullo 2016 | 10:07

Este martes ábrese o prazo de inscrición na actividade ‘Contos do Brasil’, que terá lugar na Biblioteca municipal de Narón o vindeiro 1 de agosto. A iniciativa, que se desenvolverá de 12:00 ás 13:00 horas, diríxese a nenos e nenas a partir de catro anos e convócase con motivo da celebración dos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro.

Caxoto Contacontos, un proxecto iniciado por Felipe Díaz no ano 2012, ofrecerá aos asistentes esta sesión na que os contos, a música en directo e o mar cobrarán especial protagonismo. A actividade trasladará aos participantes á selva amazónica, onde se atoparán con xoguetes, cantigas e contos propios das culturas brasileira e portuguesa, con moitos aspectos en común coas raíces de Galicia.

A edil de Bibliotecas, Mercedes Taibo, explica que se trata dunha proposta «dirixida a un público familiar, na que tanto os nenos e nenas como os seus pais e nais poderán gozar dunha xornada lúdica e, ao tempo, educativa, ao abordarse diversos temas en común das culturas galega e brasileira».

As reservas de praza deben facerse no mostrador da biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981.382.173, se ben é preciso ter o carné de socio das citadas instalacións para poder asistir. O horario de apertura da Biblioteca municipal nos meses de verán é de martes a venres de 9:00 a 14:30 e as tardes do luns e do mércores de 18:00 a 21:00 horas.