FERROL360 | Martes 8 decembro 2015 | 12:47
As concellerías de Deportes dos Concellos de Ares e Mugardos organizan un ano máis a Carreira Popular de Fin de Ano. A XI edición desta proba, de 10 quilómetros, terá lugar o domingo 27 de decembro, con saída ás 11:00 horas da Avenida de Galicia de Mugardos.
A carreira discorrerá polo casco de Mugardos a través da rúa María, avenida de Galicia e rúa dos Corzás, para tomar despois dirección cara Ares pola avenida de Mugardos ata o paseo marítimo, onde haberá avituallamento líquido.
Continuará pola avenida Saavvedra Meneses ata o Mazote, para de novo retornar á avenida de Mugardos ata o cruce de Catro Camiños en Mugardos, onde se entra á rúa do Cristo para chegar á meta.
Na chegada, disposta na pista exterior anexa ao polideportivo, ubicarase un avituallamento sólido e líquido para os participantes na proba e, ademais, celebrarase un sorteo de dez cestas con produtos típicos do Nadal para os participantes que cheguen á meta.
O tempo estimado da proba é de entre 30 minutos e 55 minutos. Ao remate da carreira farase unha clasificación xeral por tempos con cronometraxe electrónica nuha categoría única.
Ambos Concellos porán en marcha un dispositivo especial de tráfico e control das vías polas que trranscorre o evento co obxectivo de preservar a seguridade e o control da proba.
Os interesados en participar, que deberán ser maiores de 16 anos, poderán obter máis información e apuntarse nesta páxina web. A inscrición ten un custe de 3 euros e a data límite establécese ata o 22 de decembro. As prazas son limitadas, cun máximo de 500.