Publicidad

Aberto o prazo de inscrición para participar na XX Feira da Plantación de San Sadurniño

FERROL360 | Mércores 8 abril 2015 | 11:25

O Concello de San Sadurniño ven de abrir o prazo de incrición para participar na XX edición da Feira da plantación, que terá lugar o próximo 26 de abril. Os interesados deberán presentar esta solicitude no Rexistro municipal ou enviala por correo postal a: Lugar do Casal nº 16, 15560 San Sadurniño ou ben a través do correo electrónicoagustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es.

O prazo de inscrición na XX Feira da plantación está aberto ata o 22 de abril ás 14:00horas. Cómpre reseñar que, a diferenza do Mercado local xusto, esta feira non está aberta aos postos de segunda man nin tampouco aos de artesanía.

A lista definitiva de postos admitidos publicarase o 24 de abril. Para máis información ou para solventar calquera dúbida hai dous teléfonos: a centraliña do Concello: 981.490.027 ou o móbil: 616.332.919.

Esta feira busca promocionar a produción e a comercialización agrícola da zona xunto coas posibilidades de desenvolvemento sustentable do medio rural. Así, haberá viveiros de planta e árbores, florerías, produtores de horta e firmas de maquinaria, ademais de postos de alimentación e un expositor institucional de promoción de San Sadurniño.

Este será o terceiro ano en que o Concello organizará a feira impulsada hai dúas décadas pola desaparecida asociación Bidueiro. O evento desenvolverase ao pé do colexio público de San Sadurniño, onde se instalará unha carpa de 2000 metros cadrados para acomodar os expositores inscritos.

A feira iniciarase pola mañá e estará aberta ata ben entrada a tarde e nela haberá á venda produtos de todo tipo relacionados co cultivo da terra. Ademais, todas as persoas asistentes levarán unha planta de recordo completamente de balde e durante o día celebraranse dous sorteos con produtos doados polos expositores.

Haberá lugar para xantar no propio recinto, aínda que San Sadurniño ofrece un grande abano de opcións para sentar á mesa por bo prezo. Desde o departamento de Turismo aconséllase reservar previamente, posto que nos días en que hai feiras ou mercados os restaurantes do territorio adoitan ter unha alta ocupación.

Publicidad

Banner Parque Ferrol