FERROL360 | Luns 16 novembro 2015 | 17:16
O Concello de Narón abre este luns o prazo de inscrición no programa ConciliaEscola Nadal, unha iniciativa que ten como obxectivo a conciliación da vida familiar, laboral e persoal.
Dirixido a nenos e nenas de Narón de entre 4 e 12 anos, o programa desenvolverase entre o 21 de decembro e o 5 de xaneiro na Área Medioambiental Río Xuvia, en Pedroso.
A participación no programa, subvencionado pola Deputación da Coruña, é de balde e será necesario inscribirse antes de finais deste mes porque as prazas son limitadas.
Desde a Concellería de Igualdade, organizadora da actividade, explican que ConciliaEscola Nadal se impartirá en dúas quendas, do 21 ao 28 de decembro e do 29 de decembro ao 5 de xaneiro, excluídos os sábados, domingos e festivos.
Terán preferencia á hora de matricularse, por este orde, as familias empadroadas no Concello de Narón nas que traballen os dous proxenitores ou tutores; nas que tan só un teña emprego; aquelas nas que nin o pai nin a nai teñan ocupación e, por último, os nenos non empadronados no municipio.
Os asistentes participarán en actividades como obradoiros de cociña creativa, do ciclo integral do pan, de artesanía e creatividade e deportivos e de aire libre, se ben o programa contempla tamén diversas actividades enmarcadas na Aula da Natureza.
O Concello ofrece a posibilidade de acollerse a un dos dous horarios establecidos e habilitarase un servizo de transporte, tamén de balde, para o regreso desde a Área Medioambiental Río Xuvia.
As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario do Concello, chamando ao número de teléfono 981.337.700 (ext.1113/1115).
Debate sobre el post