FERROL360 | Domingo 1 maio 2016 | 18:15
A empresa mixta de augas de Narón, Cosma, convoca a oitava edición do Concurso Internacional de Debuxo Infantil, dirixido a escolares de terceiro, cuarto, quinto e sexto curso de Primaria do municipio. «O ciclo da auga, unha aventura para valentes» é o lema deste certame para o que se poderán presentar traballos ata o vindeiro 2 de xuño.
Os participantes deberán amosar nos debuxos o seu coñecemento sobre cada unha das fases do ciclo da auga a través dun conto, inspirándose en personaxes como magos ou paladíns, entre outros, para potenciar a súa creatividade e concienciarse sobre a importancia deste recurso natural.
O concelleiro de Servizos de Narón, Iván Santalla, salienta o éxito que ano tras ano alcanza esta convocatoria dentro da comunidade educativa de Narón e agradece a colaboración dos centros escolares da localidade, da empresa Cosma e tamén a dos nenos e nenas que participan nesta iniciativa, aos que animou a presentar os seus traballos.
Entre os obxectivos deste concurso está o feito de que os nenos e nenas de Narón demostren o seu grao de coñecemento sobre o ciclo integral da auga a través dun conto, tanto no que respecta ao seu consumo como á súa devolución ao medio natural a través dos sistemas de depuración, con todas as garantías de calidade.
Santalla subliña que tamén se aposta por «educar aos menores, que representan o futuro, sobre un uso eficaz e eficiente dos recursos naturais, potenciando así un desenvolvemento sostible do noso entorno».
A través desta convocatoria tamén se pretende que o alumnado coñeza o ciclo da auga e aprenda a valorar todo o traballo que supón o feito de levala aos fogares con total garantía, con calidade e en cantidade e empregando tecnoloxías que lles fan a vida máis sinxela e lles axudan a consumila de xeito responsable.
Os participantes optarán a varios premios, dous individuais: dúas tablet Samsung 7´´ e catro para os finalistas: unha cámara de fotos acuática para cada un deles.
Debate sobre el post