FERROL360 | Domingo 6 febreiro 2022 | 18:25
A Plataforma para un Transporte Público Digno para Ferrol mobilizouse novamente este pasado sábado na praza de Galicia de Ferrol para pedirlle á Xunta de Galicia que arranxe a problemática que arrastra o servizo desde a chegada de Monbus ao fronte da concesionaria.
Queixáronse do aumento do illamento, non só á hora de viaxar á Coruña, senón tamén entre os municipios da comarca. «A escusa era o Covid, pero agora xa non hai máis escusas», sostivo Teresa Vázquez, a voceira da plataforma que reúne a partidos, entidades e sindicatos.
Lamentou que a Xunta fixera unha enquisa que non serviu para nada porque, defendeu Vázquez, na súa xuntanza co Director Xeral de Mobilidade este pediulles información sobre as demandas dos usuarios. Lembran que o servizo funcionaba máis ou menos ben antes desta última modificación.
«Abonda xa de ver xente tirada nas paradas, abonda xa de ver rapaces e rapazas perdendo horas para chegar ao instituto, abonda xa que os traballadores non podan ir xantar á casa e abonda xa da marxinación das comarcas coa Coruña e entre os concellos», protestou Vázquez.
Sinaturas do BNG
O BNG de Ares vai remitir á Dirección de Mobilidade da Xunta as máis de 230 sinaturas recollidas nunha campaña que se desenvolveu na última semana polas diversas parroquias do municipio. Demandan tamén do Goberno galego o restablecemento inmediato dos servizos e horarios que se ofertaban coa anterior concesionaria.