FERROL360 | Xoves 20 marzo 2014 | 18:19
A asociación ecoloxista Adega e a plataforma cívica SomosCedeira veñen de denunciar as medidas propostas pola Demarcación de Costas e o Concello de Cedeira para reparar os danos dos temporais no entorno da praia da Madalena.
Para as dúas entidades, «o apuro por lucir unha praia bonita no verán para que os turistas poidan tomar o sol» pode supoñer o deterioro dunha reserva mariña de interese pesqueiro.
Aínda que comezara un proceso de avaliación ambiental previo a realizar calquera traballo na praia, Adega e SomosCedeira denuncian que «agora obvian este procedemento», polo que, sen facer estudo ningún, poderían «soterrar a reserva mariña de interese pesqueiro existente na enseada de Cedeira».
Un procedemento que, de levarse a cabo, requeriría -segundo a lei vixente- unha declaración de impacto ambiental completa que «non pode realizarse antes do verán seguindo os prazos establecidos», polo que aseguran que «trátase polo tanto dun procedemento ilegal».
Co deitado de area na praia, segundo as entidades, non só periga unha reserva mariña que é fonte de ingresos de moitas familias de Cedeira, senón que supón «tirar ao mar unha enorme cantidade de cartos sen solucionar o problema». Lembran que, de facerse este novo recheo, sería o terceiro dende o 2001, «sen que esta medida pareza dar algún froito».
Adega e SomosCedeira apostan pola realización dun estudo e un proxecto que inclúa toda a enseada e que cubra «todos os factores que inflúen na praia» como solución ao problema da praia da Madalena.
Debate sobre el post