FERROL360 | Mércores 17 setembro 2014 | 18:20
«Calzamos as botas e pretendemos deixalos libres do lixo que segue a aparecer nas nosas ribeiras e ríos». Así convidan desde ADEGA a participar na sétima xornada de limpeza simultánea de ríos Móllate polos ríos, que se levará a cabo o vindeiro 28 de setembro en 41 concellos de Galicia.
Na nosa comarca, desenvolverase esta actividade nos concellos de San Sadurniño, Neda, Fene, Ferrol e Mañón. En San Sadurniño xa teñen aberto o prazo de inscrición ata o 26 de setembro e para anotarse hai que acudir ás oficinas do Concello ou chamar ao 981 490 027. Só fai falla levar botas de auga, luvas e roupa impermeable por se chove; o resto do material corre a cargo do Concello.
Neste caso, a zona escollida para a limpeza son 2,4 quilómetros do río Castro comprendidos entre a área de lecer do Pozo de Lamas e a ponte da Pedreira. A actividade, aberta a voluntarios de todas as idades, comezará ás 10:30 e rematará sobre as 13:30 horas. O punto de encontro situouse no local da asociación de veciños Adiante de Igrexafeita ás 10:00 horas.
Desde alí, as persoas participantes baixarán á área de lecer para comezar o traballo. A limpeza farase seguindo o curso do río ata a ponte da Pedreira e unha vez alí farase un pequeno descanso e emprenderase a volta para xantar no Pozo de Lamas.
As persoas interesadas en participar nesta iniciativa en Fene deben poñerse en contacto con Concello ou coa Asociación AETNA; en Ferrol a entidade á que dirixirse é ADEGA Trasancos; en Mañón coas asociacións Barqueirock e Nordés; en Neda a entidade Néboa Medioambiente.
«Queremos uns ríos limpos, queremos poder gozar dos nosos sistemas fluviais e queremos concienciar á sociedade da necesidade de que estes estean ben conservados», afirman desde ADEGA.
