Publicidad

Afundación acolle unha mostra de Aldeas Infantiles sobre a arte como medio de transformación social

FERROL360 | Mércores 28 outubro 2015 | 10:05

A sede da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) en Ferrol acolle unha exposición dos traballos realizados polos nenos participantes no proxecto Arte como medio de transformación social desenvolvido polos Centros de Atención de Día de Aldeas Infantiles SOS Galicia.

A mostra, comisariada por Loreto Blanco, profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, inaugúrase este mércores e permanecerá aberta ata o vindeiro 28 de novembro. O horario para poder visitala é de luns a sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas.

O proxecto expositivo, formado por un total de 105 obras e traballos, reflicte o resultado dun primeiro achegamento ao mundo da arte por parte dos 82 nenos e nenas participantes nos obradoiros.

Deste xeito, a través de diferentes técnicas de debuxo, pintura, colaxe, fotografía e vídeo, os nenos mostran a súa particular visión da contorna que os rodea á vez que expresan as súas ideas e emocións e desenvolven a súa capacidade creativa.