FERROL360 | Xoves 5 maio 2016 | 15:58
Alumnado da escola municipal de pandeireta de San Sadurniño participa, xunto a outras 16 agrupacións, no concurso Quero cantar convocado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e que pretende promover a creatividade e a música en galego entre a infancia.
O certame consta de tres fases. A primeira é a de preselección das pezas por parte dun xurado técnico que se reunirá o día 13 deste mes. A segunda resolverase mediante unha votación a través do Facebook entre os días 23 e 29. As dez cancións máis votadas terán como premio formar parte dun disco creative commons que se editará tralo concurso e as cinco que obteñan máis apoios serán as que pasen á fase final, que se decidirá no Teatro Colón da Coruña nunha actuación ao vivo ante un xurado formado por nenos e nenas.
Carla, Mateo, Marta, Dara, Alicia, África, Antía, Xulia, Area, Sara, Paula, Míriam e Candela forman a Rapazada do Saíme e xuntos interpretan a Xota de Narahío, unha peza construída en base a un poema escrito por Lucía Pita, unha octoxenaría natural de Naraío. Detrás deste conxunto formado por doce nenas e un rapaz están a profesora de canto e pandeireta da escola Carmen Pedreira e o acordeonista Roberto Grandal.
O grupo gañador gravará un videoclip e disporá de 300 euros para gastar en material musical. O segundo clasificado tamén recibirá un vale por valor de 200 euros e do terceiro ao quinto levarán cadanseu por importe de 100 euros.
Independentemente de que leven premio ou non, de seguro que os rapaces gozarán e aprenderán moito desta experiencia. «Para eles é como ir a Eurovisión ou moito máis aló. Están moi ilusionados», explica Carmen.
Debate sobre el post