Publicidad

Alumnado de San Sadurniño expón os seus inventos científicos experimentando coa robótica ou o biodiesel

ARY LÓPEZ | Venres 25 abril 2014 | 11:58

No que vai de curso, os alumnos e alumnas de ESO e Educación Infantil do CPI de San Sadurniño veñen traballando en diferentes obradoiros onde a ciencia e a tecnoloxía son as protagonistas.

A finalidade destas prácticas é o achegamento á ciencia por parte do alumnado para que comprenda as súas aplicacións e utilidade na sociedade actual, ademais de valorar a importancia da investigación científica. Estas sesións experimentais son parte do Plan Proxecta impulsado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Na tarde do xoves, a rapazada amosou como é posible elaborar biodiesel a partir de aceite usado. Logo de sometelo a un proceso químico, conseguiron convertelo en combustible válido para encher un depósito dun vehículo, que para sopresa de moitos, funcionou correctamente.

Outro dos ensaios levados a cabo no campo experimental estivo relacionado coa programación de robots, un invento polo cal, varios alumnos obtiveron o primeiro premio no VI Concurso Galego de Robótica organizado por Igaciencia e a Fundación Barrié de la Maza.

O alumnado realizará unha xornada de portas abertas para amosar os seus proxectos no centro educativo o vindeiro domingo 27 de abril, coincidindo coa XIX Feira da Plantación.

Lois Rodríguez, director do CPI de San Sadurniño, enche con biodiesel obtido con aceite usado o depósito dun vehículo (cedida)
Lois Rodríguez, director do CPI de San Sadurniño, enche con biodiesel obtido con aceite usado o depósito dun vehículo (cedida)