FERROL360 | Sábado 14 maio 2016 | 11:52
O alumnado de 3º de educación infantil do CPI de San Sadurniño ten, dende este venres, dúas novas amigas de catro patas. Chámanse Maga e Croqueta e son dúas cadelas que teñen moito que ensinarlle a estes nenos e nenas de 3 e 4 anos.
Trátase dunha actividade denominada Proxecto Peluche, organizada polo departamento municipal de Igualdade a través de Libélula IAA e financiada pola Deputación da Coruña. O seu obxectivo é que os escolares desenvolvan as súas habilidades sociais grazas á interacción cos animais en distintas situacións, potenciando así a comunicación, a responsabilidade e, principalmente, a empatía.
En cada sesión propóñenselles aos nenos e nenas retos moi sinxelos -case todos relacionados coa vida diaria- que deben resolver en grupo achegando ideas. As cadelas forman parte do grupo de traballo canda as súas guías e unha nena imaxinaria, Carla, que lles ensinará aos pequenos como deben actuar en distintas situacións.
Segundo explica a técnica de Igualdade, Verónica Rodríguez, os cativos aprenden, por un lado, o traballo colaborativo entre Carla e os animais, e por outro, a resolver distintas situacións apoiándose nas cadelas, coas que se relacionan e comparten emocións. A función de Maga e Croqueta é, en definitiva, servir de «catalizador emocional» grazas á súa capacidade para sincronizar coas emocións infantís, facilitando aos nenos e nenas mellor os seus medos ou os seus impulsos.
As sesións do Proxecto Peluche desenvolveranse cada venres ata o vindeiro 3 de xuño entre as 12:30 e as 13.30 horas.