Publicidad

Alumnos do colexio Domirón participan nunha actividade lúdico-formativa coa Policía Local

FERROL360 | Mércores 7 outubro 2015 | 14:30

Os alumnos do Colexio Rural Agrupado de Domirón participaron este mércores nunha actividade lúdico-formativa, promovida polo centro e que contou coa colaboración da Concellería de Seguridade Cidadá, que serviu para incrementar os coñecementos dos pequenos sobre temas como o sistema solar e a seguridade viaria.

Un axente da Policía Local acudiu ao centro educativo para levar ata alí a «Xumi», un extraterrestre que policías naroneses atoparon na praza da Gándara tras extraviarse cando regresaba dunha viaxe ao espazo coa mascota do CRA de Domirón, a gata «Bufiña».

Os menores aproveitaron a presenza do Policía para interesarse por varios asuntos relacionados co seu traballo e tamén por algunhas normas relacionadas coa seguridade viaria: como atrapan aos ladróns, como é un cárcere e canto tempo están alí os presos; os motivos polos que poñen multas de tráfico; como buscan pegadas ou se axudan aos menores que se perden na rúa.