FERROL360 | Mércores 15 decembro 2015 | 8:36
Profesionais da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e do Servizo de Pediatría da Xerencia Integrada de Ferrol achegáronse este martes ao Instituto de Ensino Secundario Saturnino Montojo de Ferrol, onde abordaron cos alumnos como actuar ante un atragantamento, a coñecer a posición de seguridade, a realizar masaxes cardíacas a adultos e nenos, e a saber que é e como se emprega un Desfibrilador.
Tal e como indicou Carmen Fernández González, especialista da Unidade de Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, ofreceron unha parte teórica, e, posteriormente, comezou a abordaxe práctica para se poder enfrontar a este tipo de situacións, os pasos a dar, e as técnicas a aplicar no caso de estar ante alguén que está sufrindo un paro cardíaco.
É unha actividade de colaboración entre os profesionais da área sanitaria ferrolá e os departamentos de Educación Física e Bioloxía e Xeoloxía deste centro educativo para, segundo eles mesmos indican «achegar ós rapaces e rapazas os coñecementos precisos para poder, nunha situación de urxencia vital, salvar unha vida».
«Cremos que é fundamental que todo o mundo saiba facer Resucitación Cardiopulmonar, sobre todo masaxe cardíaca. Hai que ter en conta que a maior parte dos paros cardíacos teñen lugar no fogar ou entorno da persoa, coa familia, o noivo ou noiva, os irmáns maiores ou pequenos. Debería haber unha materia orientada a saber que facer, a quen chamar ,e como actuar», salientou Fernández González.
Segundo o Consello Español de Resucitación Cardiopulmonar prodúcense ó redor de 1.000 paros cardíacos ó día a nivel nacional. Está demostrado que, se se realizan unha serie de accións encadeadas e que poden ser realizadas pola maioría das persoas, aumenta a supervivencia ata tres veces.
Dentro dos 3 ou 4 primeiros minutos pode aumentar as posibilidades de supervivencia en máis do 50 %, de xeito que amósase imprescindible que o maior número de persoas coñezan as manobras básicas, de aí actividades como a de hoxe.
Debate sobre el post