Publicidad

Amador, Daniel. A loita continúa

REBECA COLLADO | Luns 10 marzo 2014 | 15:17

Ano: 1972. Data: 10 de marzo. Os traballadores de Bazán loitan polos seus dereitos laborais, por un convenio colectivo xusto. O medo é inevitable, son tempos de represión, de ditadura franquista. A pesares do escenario, os traballadores toman a decisión de defender o que é xusto e lexítimo. Pero o medo se fai aínda máis latente cando Amador e Daniel son abatidos a tiros.

Ano: 2014. Data: 10 de marzo. Concello de Ferrol e sindicatos renden homenaxe ós dous traballadores e conmemoran ese funesto acontecemento que deu lugar ao Día da Clase Obreira Galega. 42 anos despois «estamos reivindicando o mesmo» e «estamos loitando por manter a negociación colectiva que a reforma laboral tirou abaixo», afirmou o secretario xeral de CCOO en Galicia, José Manuel Sánchez Aguión.

Como é habitual, os sindicatos CCOO, UGT e USTG participaron no acto institucional que organiza o Concello de Ferrol, mentres que a CIG organiza a súa propia celebración. O acto institucional quedou ensombrecido polas pitadas e reproches que un grupo de persoas dirixiron ó alcalde e ao grupo do Partido Popular.

Rey Varela tratou de pronunciar as primeiras palabras do seu discurso pero os gritos eran máis fortes que a megafonía. Ante esa situación, optouse por continuar coas ofrendas florais da corporación municipal e dos sindicatos presentes. Sánchez Aguión non criticou a situación, pero lembrou que é o Concello e non unha forza política «quen fai este recoñecemento» e sinalou que «CCOO pelexou porque esta data teña un recoñecemento institucional».

Pola súa banda, o secretario comarcal de UGT Cesáreo Fraga dixo que entende as protestas «independentemente de que as comparta ou non» porque a situación da comarca é dramática. «É entendible, pero non o comparto porque é un acto institucional de todos os cidadáns de Ferrol en memoria de Amador e Daniel», afirmou Fraga.

O secretario xeral de CCOO en Galicia advertiu que «é triste ter que dicir que 42 anos despois estamos loitando non so por unhas condicións dignas de traballo e de vida, senón que estas se
desenvolvan nun marco de liberdade». Engadiu que a memoria de Daniel e Amador «segue
viva» e concluíu dicindo que «no van poder con nós. Imos pelexar, porque se eles puideron nos tamén podemos».

Mentres, o secretario comarcal de UGT afirmou que os tempos no parecen moi distintos aos do ano 1972. Navantia, «polo que Amador e Daniel deron a súa vida loitando por un convenio colectivo, hoxe segue exactamente igual». Tamén lembrou que naquela época «a cidadanía emigraba, tiña problemas coa vivenda, cos créditos», problemas que tamén sufrimos agora.

Por último, a CIG desenvolveu o seu acto con toda normalidade e sen incidentes. O voceiro comarcal da central sindical, Manel Grandal, advertiu que 42 anos despois estamos a vivir outra ditadura «a do capital». Ademais, apuntou que son tempos de «resistencia», de defender «os nosos dereitos básicos» como a Educación e a Sanidade e tamén «os nosos convenios».

A única coincidencia entre os dous actos foi o Himno de Galicia, que pechou ambas celebracións. En todo caso, agora repousan no monumento ao Dez de Marzo o centro de flores do Concello co escudo da cidade e o ramo da CIG. Na honra e memoria de Amador e Daniel. Está previsto que de ese punto saia ás 19:30 a manifestación de CCOO, UGT e USTG e ás 20:00 a da CIG.

Pincha en la imagen para abrir la galería

[EasyGallery key=’44’]

Acto conmemorativo organizado pola CIG con motivo do Dez de Marzo (foto: Rebeca Collado)
Acto conmemorativo organizado pola CIG con motivo do Dez de Marzo (foto: Rebeca Collado)