FERROL360 | Domingo 1 maio 2016 | 14:42
Os interesados en participar no curso que organiza a Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA), en colaboración co Concello de San Sadurniño, para iniciarse ou mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras teñen ata o 10 de xuño para inscribirse na actividade. Deben chamar ao 616.332.919 ou enviar un correo a: agustin.perez@sansadurnino.gal.
O docente do curso será o técnico na materia Alberto Varela, que abordará cuestións como a morfoloxía da árbore froiteira e as técnicas de plantación, pero tamén os traballos de mantemento, poda, e enxertado. O curso tamén tratará sobre as enfermidades máis habituais e o seu tratamento e, por último, tamén tocará os procesos de colleita e transformación de froitas e hortalizas.
Serán un total de 24 horas de formación que terán lugar na Casa da Xuventude os sábados entre o 11 de xuño e o 30 de xullo. As sesións empezarán ás 9:30 horas e rematarán ás 12:30 horas. Ofértanse ata un máximo de 25 prazas e para levar adiante o curso será necesario un grupo mínimo de 10 participantes.
O prezo estableceuse en 35 euros para persoas socias da AGFA do Eume e de 50 para non socias. O pagamento haberá que facelo o primeiro día do curso.















Debate sobre el post