Publicidad

Andaina nocturna ao complexo eólico de Parque Novo, en Valdoviño, este venres

FERROL360 | Mércores 3 agosto 2016 | 11:52

O Concello de Valdoviño organiza para este venres unha andaina nocturna ao complexo eólico de Parque Novo, dentro do programa «Escenarios paralelos». A actividade, de dificultade baixa, terá unha duración aproximada de dúas horas e media e inclúe o percorrido de ida e volta de aproximadamente sete quilómetros. A ruta inclúe un espectáculo de animación no parque.

Os interesados en asistir a esta actividade poden inscribirse ata este xoves na Casa da Cultura, ou ben chamando ao teléfono 981 487666, en horario de 10:00 a 14:00 horas. As prazas son limitadas. Poderán inscribirse os maiores de idade e menores a partir de 12 anos, que deberá ir acompañados por un adulto inscrito.

Para participar na camiñada é obrigatorio levar lanterna e roupa ou material reflectante, ademais, os inscritos terán que ter as condicións adecuadas de saúde para poder participar na mesma. A saída realizarase ás 21:30 horas dende o aparcamento de autobuses do CPI Atios.

O Concello de Valdoviño informa que non se fará responsable de calquera incidencia que lles poida acontecer ás persoas que poidan participar en calquera fase da realización da actividade que non estean inscritas previamente na mesma.