FERROL360 | Venres 2 setembro 2016 | 9:26
Que terán as augas do Belelle que fan do pan de Neda un produto sen igual? Tampouco podemos esquecer o bo facer dos panadeiros e panadeiras da vila, que día a día elaboran este riquísimo pan, que un ano máis celebrará a súa tradicional festa este domingo.
En Neda xa teñen todo listo para festexar por todo o alto a XXVIII edición da Festa do Pan. Unha cita declarada de Interese Turístico de Galicia, que terá lugar no paseo marítimo da vila. Ás 10:00 horas comezará a actividade coa apertura dos postos das panaderías colaboradoras: La Nueva, José Castro, La Gallega, Santa Rita e Paca Castro Romero.
Ao mesmo tempo, abrirán os stands do mercado de artesanía e unha hora máis tarde comezará a animación de rúa co grupo Lumieira. Este ano as panadeiras e panadeiros de Neda serán protagonistas dunha homenaxe ao seu traballo, que terá lugar ás 12:00 horas ao pé da estatua de Carlos García.
O pregón, que correrá a cargo da actriz Isabel Risco, chegará ás 12:30 horas, e trala lectura procederase á entrega de premios da Ruta do Pincho e do concurso de cartaces da festa, que este ano recaeu en Antonio Fernández.
A música do grupo Os Zares principiará ás 13:0 horas e a continuación, comezará a comida popular, baixo carpa, composta por empanada, paella, churrasco, pan, doces, viño, café e auga ao prezo de 12 euros.
Xa ás 16:30 horas haberá de novo un pasarrúas tradicional a cargo do grupo Lumieira e inicio das actividades infantís con obradoiro de pan con Gazapo e xogos con Ubuntu. Ás 18:30 horas, haberá un concerto infatil a cargo de Xoán Curiel e o fin de festa correrá a cargo do grupo de música tradicional Malvela, ás 20:00 horas.
Actividades previas
De forma previa á celebración da Festa do Pan, este sábado terá lugar a ruta dos molinos do Belelle ata a fervenza. Comezará ás 10:00 horas, con saída do adrio da igrexa de Santa María, e durará unhas catro horas. Á volta, na cantina do polideportivo do Roxal, haberá degustación de empanada e doces.
A programación do sábado é ben completiña, xa que tamén se celebrará a XII Xuntanza de Palilleiras na carpa instalada no paseo marítimo. Organizada pola Asociación Filigrana, nesta edición participan unhas 200 palilleiras chegadas de diversos puntos de Galicia para amosar o seu traballo e facer artesanal. Será a partir das 11:00 horas.
E para pechar a programación do sábado Noite de Bolos, coas actuacións de Tardepiache, Cuchufellos e Banda Crebinsky. Será no paseo marítimo, a partir das 22:30 horas, con entrada de balde.