FERROL360 | Mércores 17 xuño 2015 | 17:49
O Campus de Fútbol de Verán Celta de Vigo terá lugar no campo municipal de Prados Vellos, en Ares, entre os días 13 e 17 de xullo. Esta actividade está pensada para nenos e nenas de 5 a 16 anos e ten como obxectivo achegarlles os valores do deporte, como a superación, o traballo en equipo, o compañeirismo ou a creatividade.
Cada participante recibirá unha equipación completa de adestramento do Celta de Vigo e durante cinco días poderá mellorar o seu nivel futbolístico e convivir con outros nenos da súa idade. Nesta sexta edición hai unha novidade importante e é que, en caso de rebasarse os cincuenta inscritos, os participantes contarán tamén co campo mugardés da Pedreira para realizar esta actividade.
En cada xornada os nenos dividiranse en grupos e realizarán diversos xogos combinando a aprendizaxe dos aspectos técnicos e o carácter lúdico. Estarán dirixidos por monitores procedentes do club olívico e con ampla experiencia na formación deportiva.
Os interesados en inscribirse poden facelo aquí. O prezo do campus é de 130 euros para o público en xeral, establecéndose descontos para diversas categorías. No caso dos empadroados en Ares ou en Mugardos, xogadores das categorías inferiores do Numancia ou do Galicia de Mugardos e aboados do Celta de Vigo ou á Fundación o prezo é de 115 euros.