FERROL360 | Luns 14 outubro 2013 | 18:42
O Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, as baterías de costa situadas na península do Segaño e Coitelada e os camiños e pistas militares do termo municipal de Ares continúan en mans do concello. O alcalde do municipio, Julio Iglesias, asinou por segunda vez o acordo co Ministerio de Defensa polo que se prorroga o convenio de cesión das propiedades do Ministerio.
O acordo, de catro anos de duración, permite ao Concello de Ares localizar escolas e obradoiros de emprego que poidan colaborar dalgún xeito na rehabilitación parcial das instalacións, e así en evitar a súa perda ou deterioro. Neste senso, o alcalde sinala que xa se levaron a cabo actuacións para a recuperación destes espazos para a celebración e potenciación de eventos deportivos e culturais.
Pon de exemplo o caso da Bailadora, utilizado como centro de apoio para eventos deportivos, nomeadamente da BTT, ou da hípica, coa actuación executada na batería de Montefaro, así como o tiro con arco no propio mosteiro de Santa Catalina, onde se habilitou un magnífico campo de tiro. Tamén destacou a celebración dos numerosos eventos culturais que se celebran no cenobio grazas á Asociación de Amigos de Santa Catalina.
Debate sobre el post