FERROL360 | Viernes 2 de enero de 2025 | 11:03
A Asociación Cultural Artábria dá inicio ás súas actividades de 2026 esta fin de semana cunha proposta dobre que combina patrimonio arqueolóxico e música en directo.
A primeira actividade do ano terá lugar este sábado, 3 de xaneiro, cun roteiro familiar a Chamorro para coñecer os petróglifos da zona, unha saída organizada por Brincarmos. A actividade partirá ás 16.00 horas desde a Ermida de Chamorro e está pensada para divulgar o valioso patrimonio arqueolóxico do concello de Ferrol.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao 617 815 502. Desde a organización lembran a importancia de acudir con auga, calzado cómodo e merenda.
Xa o domingo, 4 de xaneiro, ás 13.00 horas, o Centro Social Artábria acollerá a primeira sesión vermú do ano, que contará coa participación da cantante brasileira Dalila Viê e do músico Sérgio Tannus. A entrada será libre.
https://youtu.be/qZhc56Fgndc?si=CUyK6uvGU8RTklbL
Dalila Viê conta cunha traxectoria marcada pola sensibilidade, a intensidade e a presenza escénica. Publicou o seu primeiro traballo en solitario no ano 2005 e, tras un período afastada da música dedicado á maternidade e a proxectos de arte, arte-educación e arquitectura, retomou a súa carreira artística con forza tras establecerse en Portugal en 2024. En 2025 instalouse en Galicia, iniciando un novo ciclo creativo.
No seu proxecto actual únese ao guitarrista e multiinstrumentista brasileiro Sérgio Tannus, co que reinventa o lirismo da Música Popular Brasileira desde unha mirada contemporánea. Xuntos constrúen un concerto moderno, rítmico e emotivo, froito dunha fusión sonora que destaca pola súa autenticidade e sofisticación.