Publicidad

Artabria achega a música portuguesa da man de Luiz Gabriel Lopes e Susana Travassos

Tamén haberá unha presentación dun libro e unha proxección durante a fin de semana

FERROL360 | Viernes 23 de mayo de 2025 | 11:05

Susana Travassos e Luiz Gabriel Lopes estarán de xira en Galicia durante esta semana. Unha xira que levará aos artistas luso-brasileiros a catro localidades galegas, entre elas Ferrol. A actuación será hoxe no Centro Social Artabria (Través de Batalhóns, 7, baixo), e comezará as 21:30 horas.

Susana Travassos e LuizGa convidannos a celebrar a música como unha verdadeira forza de conexión e entendimento cos outros. A música de LuizGa mestura samba, ijexá, maracatu e outros sons auténticos, fala unha linguaxe universal. Susana Travassos fusiona fado, jazz, cancións portuguesas ou latinoamericanas para crear un son único. Os billetes poden reservarse no Centro Social ou no 614 205 672 a un prezo de 10€ (8€ para as persoas asociadas á Asociación Cultural Artabria).

A historia da Luz

O Sábado, 24 de maio, ás 12:30h desenvolverase no Centro Social Artabria a presentación do libro «A historia da Luz. Breve biografía política e conversa con Luz Fandiño» da autoría do historiador Antom Santos e editado pola editorial Compaha.

Dunha conversa da poeta do pobo, coa mocidade que admiraba, no extinto Grupo de Estudos a Fouce, parte o texto que serviu de base para conservar vivo este relato. Antom Santos contextualiza esta historia de vida cos momentos históricos que a atravesaron: a infancia na Compostela obreira de véspera de guerra, a emigración en Arxentina do primeiro peronismo, o París do maio revolucionario e o seu regreso á Galiza tras o franquismo. O libro conta cun prólogo da alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e da sindicalista e activista do movemento LGTB, Laura Bugalho.

Luz converteuse nas últimas décadas da súa vida nunha figura central na vida cultural, social e política da cidade que a veu nacer. Sempre alegre e combativa, era habitual velá nela en calquera mobilización, sempre rodeada de xuventude coa que sintonizaba dunha maneira especial.

Proxección de Infiltrats

Pola xornada do propio sábado, ás 18:00h, e en colaboración con Avante LGBT+ Ferrolterra, o Centro Social organiza a proxección do documental «Infiltrats», un audiovisual realizado por TV3 sobre as infiltracións policiais en movementos sociais, especialmente en Cataluña.

O documental entrevista a activistas que foron vítimas da espionaxe policial e que mesmo chegaron a desenvolver relacións sexoafetivas cos funcionarios policiais que os estaban a utilizar para obter información.