FERROL360 | Xoves 12 de decembro de 2024 | 10:00
O xigante carboneiro chegará a Ferrol un ano máis e percorrerá as rúas de Esteiro e o barrio da Magdalena o próximo 23 de decembro. As actividades do mes de decembro comezarán o próximo sábado 14 coa presentación do libro Runrún da escritora naronesa Ana Varela.
Acompañando á autora estará Pim Patinho. Esta obra, ambientada en Ferrol, mostra como pode cambiar a vida nun momento, dende unha perspectiva que prima a saúde mental, os coidados, a afectividade e as relacións sociais. A presentación comezará ás 12:30 horas.
Ese mesmo sábado, ás 16:30 horas, terá lugar unha nova sesión do noso club de lectura, esta vez coa elección do libro Runrún. A participación é libre coa única condición de asistir co libro xa lido.
A xornada do sábado concluirá ás 22:00 horas co concerto de Exquisitos Ghipes de Merda. EGM (Exquisitos Ghipes de Merda) son os fillos bastardos do ulträqänismo, un grupo de música formado no corazón dos suburbios dunha urbe inundada polo capitalismo ostentoso. A banda está composta por catro talentosos músicos: Iago «O sopra tubos», Tarakanov «O bardo Bass-tardo», Manu «A Citola do demo» e Miguelón «O Runchos Mach Ghuan».
A través das súas letras profundas e melódicas, abordan temas como o amor, a liberdade e a conexión coa natureza morta. A súa música, influenciada polas tradicións europeas pero cun toque contemporáneo, cativa ao público de todas as idades (Medieval, pleistoceno ou modernidade). A entrada é libre con billeteira inversa.
O venres, 20 de decembro, celebrarase o famoso concurso ártabro de elaboración de tortilla de patacas que chega á súa X edición. A participación é aberta e haberá premios para as 3 mellores tortillas.
O Apalpador chegará na tarde do día 23 de decembro coa tradicional ruada que percorrerá as rúas de Esteiro e o barrio da Magdalena. Un ano máis o xigante carboneiro estará acompañado dos seus trasgos e da música de Xoldaina. A ruada sairá ás 17:00 horas do Centro Social da Artábria, situado na Travesía de Batallóns, e despois de percorrer Esteiro, a Praza de Sevilla, a Porta Nova (Praza de España), Galiano, Armas, Dolores, Amboaxe, Real, finalizará na Praza do Concello arredor das 19:30 horas.
O xoves, 26 de decembro, María da Pontragha contará uns contos no noso Centro Social da man de Brincarmos con «Non teñas medo á morte». Cun espectáculo familiar percorrerán un longo camiño en compañía, nunha sesión festiva e alegre na que non hai tempo para lamentarse nin chorar. A contada comezará ás 18:00 horas e a entrada é libre ata completar aforo.
O Apalpador nas escolas
Da man da Artábria, o Apalpador visitará o día 18 de decembro o CEIP Pazos, o CEIP Juan de Langara, a Galiña Azul de Esteiro e o Colexio Ludy. Esta iniciativa, que levamos realizando dende o ano 2010, busca levar a figura mitolóxica do Nadal galego aos centros educativos para socializala entre os máis pequenos.
Debate sobre el post