FERRROL360 | Miércoles 8 de octubre de 2025 | 14:1o
O Centro Social Artábria, situado na Travessa de Batalhóns nº7 de Esteiro, retoma esta semana a súa programación cultural e formativa tras o parón estival. A volta ás actividades comeza esta tarde cunha palestra do militante palestino Fayez Badawi, e continuará o sábado cun obradoiro de danzas medievais e o concerto do dúo Taranteira.
Palestra con Fayez Badawi
Ás 19.30 horas, o militante comunista palestino Fayez Badawi, da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), ofrecerá unha palestra organizada pola entidade internacionalista Mar de Lumes, dentro da xira “Fala a resistencia”. Ferrol será unha das once localidades galegas nas que intervirá o histórico activista e exportavoz da FPLP, coincidindo co segundo aniversario do inicio do xenocidio cometido polo Estado sionista desde o 7 de outubro de 2023.
Obradoiro de danzas medievais e concerto con Taranteira
O sábado 11 de outubro, ás 19.00 horas, celebrarase un obradoiro de iniciación ás danzas medievais impartido polo grupo Taranteira. As súas composicións están inspiradas na música tradicional galega, italiana e francesa, e moitas das danzas son colectivas, como o Circle Circassian, a Chapelloise ou os Rondeaus, mentres que outras son de parella, como o vals ou o scottish.
Desde o grupo sinalan que non é preciso ter experiencia: “o importante é pasalo ben”, destacan as integrantes do proxecto galego-italiano, que buscan fomentar a participación e o gozo colectivo.
No obradoiro aprenderanse as bases fundamentais para gozar da experiencia completa durante o concerto que se celebrará a continuación.
Ás 20.30 horas, Taranteira, o dúo formado por Nana del HuÉ (guitarra e voz) e Emma Zurka (acordeón diatónico e voz), presentará o seu primeiro traballo discográfico, titulado “Giririg”. A entrada é libre —tanto para o obradoiro como para o concerto— ata completar aforo, e haberá billeteira inversa.
Inicio dos cursos 2025-2026
A vindeira quinta feira, 9 de outubro, dará comezo o curso de teatro comunitario, impartido por Helga Méndez, con clases de 19.00 a 21.30 horas e inscrición xa aberta.
O venres 10 de outubro, a partir das 17.00 horas, iniciarase tamén o curso de Artes Miúdas, dirixido por Uxía Muiño e pensado para nenos e nenas de 3 a 12 anos.
Para obter máis información sobre estes ou outros cursos da Artábria, pódese chamar ao teléfono 614 205 672.