Publicidad

Arteriola organiza o I Ciclo de Jazz con concertos, cine e unha mesa redonda

REBECA COLLADO | Ferrol | Venres 11 setembro 2015 | 17:11

Temos todo un mes por diante para gozar, e tamén aprender, sobre o Jazz. E é que a Asociación de Hostelería Arteriola organiza o I Ciclo de Jazz cunha programación variada composta por concertos, cine e unha mesa redonda. Suso Eiroá, membro da entidade, indica que «facía tempo que en Ferrol non había concertos de jazz» e por iso decidiron poñer en marcha esta iniciativa.

Aproveitan ademais o concerto que o ferrolano Baldo Martínez e o seu grupo ¡Zas! Trío ofrecerán este venres nos xardíns do Torrente Ballester para dar o pistoletazo de saída ao ciclo. Así, arrancará esta noite ás 00:30 horas cunha mesa redonda sobre o Jazz en Ferrol no Guarisnais.

Fernando Naveiras, Antonio Peña e Baldo Martinez falarán da relación desta música coa cidade facendo un percorrido polos Festivais de Jazz Cidade de Ferrol dos anos 80, o Clube de Jazz Ferrol ou da creación neses anos da Big Band de Jazz.

A seguinte cita será o mércores 16 de setembro no Manchita cosa coa proxección da película Alrededor de la medianoche. A partires das 21:00 horas. A música chegará o sábado 19 de setembro con Petit Swing ás 21:30 horas no Guarisnais.

Continúa a programación o xoves 24 de setembro na Tasca Vella con Toño Pita: cinema performance. A partires das 21:30 horas. Ao día seguinte, 25 de setembro, o ciclo trasládase ata Cazadores coa música de Tino project trio ás 23:00 horas.

Carmen Rey será a encargada de amenizar unha sesión vermú a golpe de jazz en El Clavel. A cita será o domingo 27 de setembro ás 13:30 horas. A última sesión de cine do ciclo chegará o día 30 de setembro ás 21:00 horas no Manchita cosa con Whiplash e no mesmo escenario Alejandro Vargas Trío actuará o 2 de outubro, ás 23:00 horas. A entrada ten un prezo de 2 euros.

Os encargados de pechar o ciclo son Os Bregadiers, que levarán a súa música ata o parque Raíña Sofía o sábado 10 de outubro ás 21:00 horas. Eiroá asegura que «tentamos compaxinar grupos locais e de fora» para compoñer o programa. Unha fórmula que manterán nas vindeiras actividades que organicen porque a súa intención é ofertar unha programación continua.

«Interésanos facer unha aposta polo mundo da cultura» e poñer en marcha iniciativas relacionadas co teatro, os malabares ou incluso a tecnoloxía, comenta Teresa Rañal, integrante de Arteriola. Os membros da asociación tamén quixeron agradecer a colaboración da concellería de Cultura de Ferrol neste ciclo.