ALICIA SEOANE | 17 de maio de 2025 |
Este ano, o Día das Letras Galegas está dedicado ás cantareiras que, por toda a nosa terra, cantaron e tocaron as pandeiretas, facendo soar calquera cousa que tiveran na man para alegrarse, compartir e, en moitos casos, esquecerse da propia dor. Para elas está adicado un día que moitas e moitos celebramos de xeito especial, pois elas son a representación dun sentir colectivo, popular e sen autoría, que é a propia alma dun pobo.
O recoñecemento quedou personificado en sete mulleres, catro delas aparecen no Cancioneiro de Dorothé Schubarth con un número elevado de cantigas, melodías e letras, como é o caso de Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, ou de Asunción Garrido e Manuela Lema, de Mens. Tamén no caso de Eva Castiñeira, de Muxía.
A poesía popular de tradición oral sempre estivo relegada a un segundo plano, baixo esa idea de cultura «culta» fronte a cultura máis institucional e burguesa. Nesa corrente de cultura de resistencia, maioritariamente feminina, nun sentido subversivo, perdurou unha tradición que mantén viva a nosa lingua.
Como explica Ana Boullón Agrelo, «As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: téñase dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vínculos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, como apunta a musicóloga Beatriz Busto».

O valor deste patrimonio sempre estivo custodiado por persoas que, máis alá da institución, souberon recoñecer a sua importancia vertebradora patra a nosa cultura. Hoxe en día, a tradición é vangard, unha oleada de xente nova volve ás raíces para recuperar o propio e mesturalo co novo que trae o tempo, como xa fixeran outros artistas do país, como Mercedes Peón, Cristina Pato, Xabier Díaz, Fuxan Os Ventos e moitos outros e outras.
Hoxe rexurde todo un movemento de xente nova, como Fillas de Cassandra, Ortiga, Boyanca Kostova, Mondra, Caamaño & Ameixeiras… que, coa súa música, non só conserve unha parte da nosa tradición oral, senón que tamén contribúe a espallala a lingua e a popularizala nun momento crítico nos datos de falantes da nosa lingua.
A todas esas mulleres, que se reunían a cantar nas súas cociñas, lareiras, no campo da festa ou en calquer lugar imaxinado, están adicadas as Letras Galegas deste ano, porque era o momento de por en lugar a toda a contribución que, desde o «cantar colectivo», aportou á nosa lingua.
Para todas as que cantaron, berraron, inventaron e crearon letras, que pasaron ás súas fillas, e estas ás netas, e as netas ás súas fillas, e así infinitamente. Este é o ano no que as nosas letras dan as GRAZAS.
Debate sobre el post