Publicidad

As carrozas da Cabalgata Solidaria de Narón levarán alimentos e produtos de hixiene para o Centro de Recursos

FERROL360 | Mércores 30 decembro 2015 | 13:39

O programa municipal Nadal Comunitario-Cabalgata Solidaria 2015 continúa desenvolvéndose estes días nas diferentes parroquias de Narón para que os veciños ultimen as súas carrozas de cara á celebración, o vindeiro 5 de xaneiro, da Cabalgata Solidaria.

«O obxectivo desta iniciativa é amosar aos nenos e nenas un Nadal diferente e centrado na solidaridade, razón pola que nos últimos días a veciñanza traballa na construción das carrozas coas que contará a cabalgata e nas que se levará unha parte dos alimentos e produtos de aseo recadados para os usuarios e usuarias do Centro de Recursos Solidarios de Narón», explicou a edil de Acción Social, Catalina García.

As persoas que desexen colaborar poden dirixirse aos locais sociais das parroquias, onde se recollerán diferentes produtos en función das necesidades do Centro de Recursos Solidarios. Ata o día 4 de xaneiro pódense levar allos e cebolas aos locais de Sedes e San Xiao; galletas aos de Castro e Doso.

Os produtos de aseo persoal aos do Alto e O Val; chocolate e cacao aos da Solaina e San Mateo; tomate fritido aos do Couto e Piñeiros; produtos de limpeza ao da Gándara; conservas ao de Xuvia e patacas ao de Pedroso.

Cabalgata

As carrozas representativas das parroquias irán acompañadas dunha máis, este ano como novidade, do Centro de Recursos Solidarios. Irán cargadas de alimentos e con Melchor, Gaspar e Baltasar, que estarán acompañados polo rei Artabán, o rei da solidaridade.

As carrozas partirán o martes día 5 das inmediacións da estación de FEVE en Xuvia, ás 16.00 horas cara á Praza de Galicia, a donde se prevé chegar ás 17.30 horas e donde os nenos e nenas do Concello poderán ver aos Reis Magos, que estarán baixo unha gran carpa.

Así mesmo, García indica que este mércores se procederá a entregar no Centro de Recursos Solidarios os xoguetes doados por diferentes entidades e particulares nas últimas semanas. En total, acolléronse a esta convocatoria 62 familias da localidade, o que permitirá entregar agasallos o día de Reis a un total de 111 nenos de Narón.