FERROL360 | Xoves 20 xuño 2019 | 9:51
Todo listo en As Pontes para celebrar este domingo unha nova edición da súa Noite Meiga na Canle IV. Unha programación cargada de actividades para os peques, música, representacións e sardiñada popular para festexar por todo o alto a noite de San Xoán.
As actividades arrancarán ás 18:00 horas con contacontos e obradoiros para os máis pequenos da casa. Haberá representacións e espectáculos musicais, ademais de obradoiro de caracterización de bruxas e pintacaras, para peques de 6 a 12 anos de idade, xogos de música e conxuro para alonxar ás ánimas.
Xa ás 20:00 horas terá lugar unha actuación clown, malabares, microteatro, cabaré e actuacións variadas. Media hora máis tarde será a queda dun espectáculo de maxia para toda a familia e sardiñada popular a 10 euros. Ás 22:00 horas tempo para as actuacións musicais con Broken Peach.
Ben entrada a noite, sobre as 23:30 horas, será o momento de prender a luminaria de San Xoán e continuará a festa con música.