FERROL360 | Mércores 24 setembro 2014 | 17:57
A Xunta de Galicia suprimiu de xeito sorpresivo o Ciclo Superior de Administración e Finanzas en As Pontes, segundo denuncian desde o Concello. O goberno local non entende esta «sorpresiva» eliminación xa que segundo explican o ciclo conta con tres alumnos matriculados e o curso xa comezou.
O alcalde do municipio, o edil de Educación e máis os voceiros do PSOE, PP e BNG mantiveron este mércores unha xuntanza co director do I.E.S Castro da Uz e os pais dos alumnos afectados para estudar as medidas a tomar con respecto a esta decisión da Xunta de Galicia.
Así, o goberno local rexeita rotundamente esta medida e remitiu un escrito á Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación solicitando que non se leve a cabo a suspensión. O escrito que tamén foi remitido ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez.
Coa eliminación deste ciclo témese que se esté buscando un baleirado de contidos formativos que poida acabar abocando ao peche do centro, segundo explicou nun comunicado o alcalde do municipio. Neste senso, Valentín González Formoso tiu que non pode ser que se permita iniciar un curso, se adxudique un profesorado xa con destino e que agora se suspenda este ciclo.
Ante esta situación, o goberno local anima á poboación a que se anote nun ciclo formativo que pode supoñer unha boa oportunidade para a inserción laboral e que pode dar lugar, co incremento no número de matrículas, a que se desbote o argumento esgrimido por parte da Xunta de Galicia, en relación ao pouco alumnado do ciclo.